Pretende a invitación de Gabriel Impaglione -que a vén facendo desde hai unha temporadiña en cada número da revista- ser atendida polos irredentos lectores e lectoras que tiveron a sorte de caer un día na gaiola dun poema que os deslumbrou e deixou subxugados pola modalidade máis enigmática e sublime da comunicación humana. Quere tamén ser atendida desde unha participación comunitaria que sexa capaz de unir grupos arredor das diversas cadencias rítmicas coas que as diferentes culturas constrúen os seus versos. "Ánimo compañeiras, compañeiros, amigas/ amigos na arte e na construcción dun futuro distinto e de todos. Un encontro entre amigos na casa, arrededor da poesía, é un paso; una actividade escolar, universitaria, da rúa, é outro paso... Desde unha radio facemos tamén camiño. Fagan a súa Palabra no mundo no fogar, na cidade. Fagamos de todos o mundo en poesía...". Non sei que acollida terá en Galicia o chamamento, pero o asunto parece un invento dos galegos. Maio, xa se sabe, é un mes moi relacionado desde sempre coa poesía, cando menos nas latitudes onde o cambio de estación é ben notorio, porque nel a natureza simboliza moitas características da lírica: rexurdimento e revelación, forza expresiva, sinerxia, sensualidade... Pero tamén é casualidade que sexa o 17 de maio a data para rematar a dedicación ao canto persoal e comunitario. Como é sabido, ese é o día que Rosalía de Castro escolle para asinar a dedicatoria de Cantares gallegos a Fernán Caballero, aunque o libro aparecese días máis tarde. Nesa data cumpría Manuel Murguía 30 anos e ela sabe que a publicación desta obra auroral, animada por el, é o mellor agasallo que pode ofrecerlle. O 17 de maio convértese así na data de nacemento da literatura galega contemporánea e no gran día da nosa poesía. Sendo as cousas así, a Casa de Rosalía acollerá con cariño esta chamada e a mañá do día 14 abrirá as súas portas a centros de ensino, asociacións ou persoas sen máis que queiran facer soar desde o espazo simbólico da Matanza, en Padrón, a Palabra no mundo.
tomado de: http://www.elcorreogallego.es/opinion